Esta web é para informar aos veciños sobre as cortas de SEAGA, que se está a apropiar da madeira que atopa en fincas privadas nas que entra sen autorización e co beneplácito da XUNTA DE GALICIA e os Concellos.

somosunmonte_logo

Esta web está feita por veciños do Concello de Gondomar.

Agrupámonos co obxectivo de facer unha fronte común para denunciar as tallas de SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos S.A., con NIF A70096557) que está a entrar nas leiras dos veciños para tallar e levar sen pagar a madeira que atopa sen o consentimento dos titulares e sen autorización xudicial.

SEAGA argumenta que ten orde do CONCELLO polo CONVENIO DE COLABORACIÓN que outorga á empresa a ADXUDICACIÓN SUBSIDIARIA que establece a la Ley 3/2007, de 9 de abril, de prevención y defensa contra los incendios forestales de Galicia, para o Sistema Publico de Xestión de biomasa en faixas secundarias. Que este CONVENIO DE COLABORACIÓN habilita á empresa para ENTRAR nas leiras privadas situadas nas faixas secundarias e COMISAR a madeira de eucalipto, piñeiro e acacia que atope sen NINGUNHA autorización porque así o di a Lei de prevención de incendios forestais

Consideramos que SEAGA, os CONCELLOS e a CONSELLERIA DE MEDIO RURAL da XUNTA DE GALICIA poderían estar a incorrer en delitos contra a propiedade privada e contra os dereitos fundamentais dos cidadáns polo seguinte:

  1. A ADXUDICACIÓN SUBSIDIARIA é un procedemento de EXECUCIÓN FORZOSA regulado pola Lei de Procedemento Administrativo Común que establece os dereitos e garantías mínimas que lles corresponden a todos os cidadáns do territorio español respecto á actividade administrativa con carácter común, é dicir é de aplicación a todas as Administracións Públicas e respecto a todas as súas actuacións. Esta lei establece que nos procedementos de EXECUCIÓN FORZOSA como mínimo a Administración está obrigada a obter consentimento do titular ou autorización xudicial para entrar no domicilio do afectado ou nos restantes lugares que requiran a autorización.
  2. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia modifica os dereitos e garantías mínimas do procedemento administrativo común para establecer que non é necesario dispoñer do consentimento do titular para entrar en leiras privadas para a xestión de biomasa, pero non di que non sexa necesaria a autorización xudicial. Por tanto, a Administración debería dispoñer de autorización xudicial para entrar en leiras privadas cun procedemento de EXECUCIÓN FORZOSA.
  3. Por seguridade xurídica o marco básico do procedemento administrativo común non se pode axustar a favor dos intereses particulares dun territorio autonómico concreto e menos a favor dunha empresa, sexa pública ou privada. Por tanto, a XUNTA DE GALICIA non é competente para modificar as obrigacións mínimas que se establecen no procedemento administrativo común para todas as Administracións Públicas, e moito menos menoscabando os dereitos e garantías mínimas que lle corresponden a todos os cidadáns respecto á actividade administrativa. A competencia para regular estas obrigacións, dereitos e garantías mínimas correspóndelle ao ESTADO ESPAÑOL. O disposto na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia respecto a que non é necesario dispoñer do consentimento do titular para entrar en leiras privadas, DEBERÍA SER NULO porque a XUNTA DE GALICIA excedeuse na súa competencia lexislativa.
  4. Os procedementos de EXECUCIÓN FORZOSA, en particular o de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, non se poden utilizar coa finalidade de CONFISCAR ou EXPROPIAR ou EMBARGAR e menos COMISAR  os bens do obrigado. Estes procedementos teñen como finalidade que o obrigado execute o resolto pola Administración. No caso da EXECUCIÓN SUBSIDIARIA é a Administración a que executa o que o obrigado non fai. A Lei 3/2007 establece ao titular a obriga de RETIRAR a biomasa. Se este non cumpre coa súa obriga a Administración poderá proceder en EXECUCIÓN FORZOSA a retirar a biomasa, sendo por conta do obrigado os gastos da retirada. Procederá iniciar a PREMA SOBRE O PATRIMONIO limitado á débeda que resulte dos gastos de retirada, o que podería dar lugar ao procedemento de EMBARGO. Agora ben, os bens a embargar non serán a biomasa retirada porque a Lei establece unha orde para no embargo de bens (592.2 de la LEC) nin se embargarán bens cuxo valor exceda a débeda (Art. 584. de la LEC). Para apropiarse de bens só cabe a EXPROPIACIÓN FORZOSA declarando os bens de utilidade ou interese público e indemnizando ao propietario pola perda.
  5. O COMISO é do ámbito penal (Art. 127). Comísanse os bens utilizados polos delincuentes para cometer un delito ou que sexan resultado dun delito. Nin o propietario dunha leira é un delincuente, nin os piñeiros, eucaliptos e acacias son bens utilizados na comisión dun delito nin o resultado dun delito
  6. O comiso ordénao a Autoridade Xudicial non a Administración pública e moito menos unha empresa, sexa pública ou privada.
  7. Os procedementos de EXECUCIÓN FORZOSA, incluído o de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, non se poden utilizar para COMISAR bens.
  8. As sociedades mercantís, sexan públicas ou privadas, non son AUTORIDADE PÚBLICA nin teñen competencia para COMISAR bens de propiedade privada. Por tanto, SEAGA non está lexitimada para COMISAR bens que tería que ser ordenado por un Xuíz na evidencia de que se cometeu un delito penal.
  9. O procedemento de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA non habilita á ADMINISTRACIÓN para VENDER os bens do obrigado. Como moito, despóis da  EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, poderíase iniciar a PREMA SOBRE O PATRIMONIO limitada á débeda que resulte dos gastos de retirada se o obrigado non paga e, coa mesma, iniciar o procedemento de EMBARGO. Agora ben, non se poden facer EMBARGOS PREVENTIVOS ou CAUTELARES  (isto é respecto a unha débeda que non sexa certa, vencida e esixible) nin se poden embargar bens que excedan a contía da débeda.
  10. Un obrigado non ten porque pagar os gastos da EXECUCIÓN SUBSIDIARIA doutros obrigados, porque nin é culpable nin responde solidariamente do que fagan outras persoas. Por tanto, non cabe que a ADMINISTRACIÓN se apropie dos bens dun cidadán, para cobrarse as débedas doutros cidadáns e moito menos sen iniciar a PREMA sobre o PATRIMONIO a todos eles.
  11. Os bens dos que se apropia unha ADMINISTRACIÓN non pode ter como destino a venda para aumentar o beneficio dunha sociedade mercantil, sexa pública ou privada.
  12. Debe atenderse ao principio de proporcionalidade. Non se atenderá ao principio de proporcionalidade na medida en que o valor da madeira da que se apropia SEAGA, ao amparo da XUNTA DE GALICIA e os CONCELLOS, exceda o valor das sancións e custos da EXECUCIÓN SUBSIDIARIA.
  13. Na redacción dada ao Artigo 22 de Lei 3/2007 A XUNTA DE GALICIA excedeuse na súa competencia lexislativa ao modificar o procedemento de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA coa finalidade de: apropiarse de bens de propiedade privada; utilizar nun procedemento administrativo común o COMISO que tería que ser ordenado por un Xuíz ante a evidencia dun delito penal; facultar á empresa SEAGA para COMISAR; evitar a PREMA SOBRE O PATRIMONIO para anticipar a SEAGA o cobro dos gastos de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA cos cartos que obtén pola venda da madeira da que se apropia; incumprir o principio de proporcionalidade ao apropiarse de bens do obrigado cuxo valor excede o monto da obrigación; vender a terceiros sen poxa pública os bens dos que se apropia; apropiarse de bens dun obrigado para pagar as débedas doutros obrigados cos que non ten relación e sen que exista responsabilidade solidaria.

Por si acaso aclaramos que o artigo 22.4 da Lei 3/2007 di:

Si la ejecución subsidiaria incluye la retirada de especies arbóreas prohibidas, se dará traslado de la resolución en la que se acuerde dicha ejecución subsidiaria al órgano competente para la incoación del correspondiente procedimiento sancionador, el cual deberá proceder de inmediato a la adopción del acuerdo de incoación del expediente sancionador y de la medida cautelar de decomiso de las indicadas especies. El destino de las especies objeto de decomiso será su enajenación, la cual será efectuada, en los términos regulados en esta ley, por la administración que haya realizado la ejecución subsidiaria.

En el caso de venta de las especies objeto de decomiso, los importes obtenidos deberán aplicarse, por parte de la administración que realice tales ventas, a sufragar los gastos derivados de las ejecuciones subsidiarias de su competencia

Por tanto teñamos claro que a Administración ou SEAGA, ao amparo desta Ley, está a usar o comiso como medida CAUTELAR para apropiarse dos bens do titular e vendelos sen que exista delito penal e sen ditado dun Xuíz,

En substancia a Administración ou SEAGA está a usar o COMISO para executar un EMBARGO PREVENTIVO sen que exista débeda certa, sen iniciar o procedemento de PREMA SOBRE O PATRIMONIO e incumprindo a Lei de Axuizamento Civil que establece unha orde nos bens a embargar e non permite embargar bens que excedan o valor da débeda.

Pero é que ademais a Lei di que “los importes obtenidos deberán aplicarse a sufragar los gastos derivados de las ejecuciones subsidiarias”  e isto implica que a xestión de biomasa finánciase cun “FONDO COMÚN” cuxas achegas proveñen de vender a madeira da que se apropian nas EXECUCIÓNS SUBSIDIARIAS aos propietarios en “leiras  rendibles” das que obteñen BENEFICIOS cos que cubrir as PERDAS dos custos das EXECUCIÓNS SUBSIDIARIAS aos propietarios de “leiras deficitarias o que atenta claramente contra o principio de igualdade.

Se estamos no certo, o disposto na Lei 3/2007 sería contrario a dereito e entendemos que existe responsabilidade:

  • Na totalidade dos membros do Consello de Administración de SEAGA, incluíndo apoderados e altos cargos de dirección de xestión.
  • Nos traballadores de SEAGA que realicen as curtas e retirada da madeira porque, aínda que actúen por orde do empresario, deben ser conscientes e negarse a cumprir ordes que impliquen incorrer en delito.
  • Na Consellería do Medio Rural polo control da XUNTA DE GALICIA no capital e no nomeamento do Consello de Administración de SEAGA, así coma o Lexislado na Lei 3/2007 de Prevención de Incendios
  • Nas Autoridades Municipais obrigadas a comprobar que os convenios e as adxudicacións que se fan a empresas, públicas ou privadas, están axustadas a Dereito.
Que non te asoballen. Bota unha man

XUNTOS FACEMOS MÁIS