Para iniciar o procedemento de execución forzosa é obrigatorio notificar. O DOG 215 recolle o ANUNCIO de notificación a titulares descoñecidos. Que se esconde detrás do publicado?
Para iniciar un procedemento de EXECUCIÓN FORZOSA é condición necesaria a notificación de apercibimento ao titular. Así o establece o Artigo 99 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas que di «As Administracións Públicas, a través dos seus órganos competentes en cada caso, poderán proceder, previo apercibimento, á execución forzosa dos actos administrativos, salvo nos supostos en que se suspenda a execución de acordo con a Lei, ou cando a Constitución ou a Lei esixan a intervención dun órgano xudicial».
E aclárao a Sentenza do Tribunal Supremo de 9.02.2023 (RC 2514/2022) que, no FUNDAMENTO DE DEREITO TERCEIRO, di:
1º) El apercibimiento (debidamente notificado al obligado), junto con el título ejecutivo (resolución administrativa definitiva que impone la obligación a ejecutar), es un presupuesto inexcusable para el inicio del procedimiento de ejecución forzosa.
Por tanto, nas cortas ás que se refire a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia non se poderá iniciar o procedemento de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA sen notificar antes ao titular da leira.
Sucede que o CONCELLO DE GONDOMAR ou SEAGA, (non está claro quen porque non atopamos publicado o Convenio e un di que é responsabilidade do outro), notificou o apercibimento baseándose na información da titularidade catastral da leira sabendo que hai un problema grave que o propio Concello recoñece no punto 5.1.2 do PLAN MUNICIPAL DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS (páxina 54) respecto a o seu patrimonio:
Moitas parcelas do municipio atópanse en investigación e non teñen dono coñecido, e noutras non se pode asegurar que sexan propiedade do concello.
Tamén existe ou problema no caso contrario, parcelas que aparecen no catastro como de titularidade municipal, algunhas mesmo en terreo forestal, na realidade non fan ningún tipo de xestión neles por non verse como os titulares reais. Algunhas comunidades de montes están en proceso administrativo para poder recuperar a titularidade de ditas parcelas por seren os lexítimos propietarios.
É notorio que o Concello de Gondomar ou SEAGA centrouse en notificar aos titulares catastrais sabendo que a información catastral non é fiable. Sen entrar noutras consideracións (véxase no Plan de Prevención de Incendios que salpican con responsabilidade ao Instituto de Estudos Miñoranos, Comunidades de Montes Veciñais, asociacións de cazadores e asociacións agrarias) se o Concello non coñece as súas leiras porque sabe que hai problemas na información catastral é de esperar que saiba que da notificación do apercibimento resulte un elevado número de titulares descoñecidos. Porén procede a notificar con información que sabe non é fiable e a levar un enorme listado de titulares descoñecidos ao DOG para xustificar que foron notificados.
Francamente, resulta difícil de crer que nunha aldea como Gondomar o propietario dunha vivenda non coñeza a identidade dos seus lindeiros nun radio de 50 metros da casa. E non se entende que o responsable do procedemento non realizase unha comunicación efectiva, aínda que fora informal, sen a intencionalidade de que a notificación pasase desapercibida.
En todo caso o Concello de Gondomar notificou aos titulares descoñecidos co ANUNCIO que publica DOG Nº 215 do 9 de novembro de 2021. Aos efectos un ficheiro PDF de 311 páxinas de difícil lectura porque insiren no medio do texto do anuncio dúas extensas táboas, a primeira listando as leiras descoñecidas e a segunda os custos a imputar ao titular pola liquidación provisional de cada leira. O razoable sería separar as táboas nun anexo facilitándolle aos veciños a comprensión lectora.
Como algúns algo sabemos de informática, extraemos o contido das táboas do PDF a unha folla de cálculo agrupando a información nunha única táboa. Con iso ponse en evidencia o seguinte:
1.- No ANUNCIO relaciónanse 3.004 parcelas catastrais distintas. De iniciarse o procedemento sancionador e tendo en conta que a multa mínima é de 100€ o CONCELLO DE GONDOMAR, como mínimo, tería imposto a todolos veciños descoñecidos que son propietarios destas leiras, multas por importe de 300.400€ máis recargas e intereses de demora.
2.- As actas de inspección levantáronse desde o domingo 1.08.2021 ata o xoves 9.09.2021, en concreto os días 1, 2, 3, 23, 24, 25, 26, 27 e 31 de agosto e os días 1, 2, 3, 6, 7, 8 e 9 de setembro. Diríase que os inspectores traballaron arreo durante 16 días a razón de 26,8 leiras/hora de xornada laboral. Está claro que tiñan présa.
3.- A tarifa de SEAGA ten 6 tramos de prezos: 3.953,15€/ha que aplica a 35 leiras; 3.545,82€/ha que aplica a 2.080 leiras; 2056,00€/ha que aplica a 206 leiras; 1.688,89€/ha que aplica a 624 leiras; 874,91€ que aplica a 61 leiras; e unha leira en BORREIROS (6519420NG1661N) na que fai o traballo GRATIS. Descoñécese por que para “cortar un piñeiro” nunhas leiras SEAGA cobra a razón de 3.953,15€/ha e noutras cobra a razón de 874,91€/ha, pero suponse que estará explicado no convenio que non atopamos publicado.
4. SEAGA obtería 529.436,16€ de ingresos provisionais por executar a corta que se suman aos ingresos que obtén pola madeira da que se apropia e vende. Aos efectos MÁIS DE MEDIO MILLON DE EUROS QUE A MERCANTIL OBTÉN DIRECTAMENTE E EN EXCLUSIVA POLO CONVENIO CO CONCELLO. Puntualizar: o obtén en exclusiva porque o di a Lei 3/2007, que está redactada á medida de SEAGA; e o obtén directamente polos privilexios do recoñecemento de “medio propio personificado” na Lei de Contratos do Sector Público.
Neste punto e relacionado co seguinte, SEAGA é unha sociedade mercantil, que somete as súas contas a auditoría por parte dun despacho de auditores privados. É unha empresa pública porque o propietario do seu capital é a XUNTA DE GALICIA, pero que sexa empresa pública non lle confire a condición de Poder Público nin substitúe á Consellería da que depende, do mesmo xeito que RENFE é unha empresa publica que non substitúe ao Ministerio do que depende. Agora ben someterase SEAGA a control contable por parte da Intervención Xeral de Xunta de Galicia? Quizá debería polo que pode facer co recoñecemento de “medio propio personificado”.
5.- Aos ingresos da corta hai que sumar a madeira da que SEAGA se apropia e vende quedándose o resultado da venda.
Respecto a esta apropiación resulta rechamante o tratamento que se lle dá no ANUNCIO: «Se procederá al decomiso cautelar de la madera resultante de la corta de las especies arbóreas que deban ser retiradas».
O de tratar a apropiación como un comiso provén da modificación do Artigo 22 da Lei 3/2007, que se introduciu o 28.12.2017 e entrou en vigor o 01.01.2018. Actualmente a Lei di «El destino de las especies objeto de decomiso será su enajenación, la cual será efectuada, en los términos regulados en esta ley, por la administración que haya realizado la ejecución subsidiaria». E a seguir di En el caso de venta de las especies objeto de decomiso, los importes obtenidos deberán aplicarse, por parte de la administración que realice tales ventas, a sufragar los gastos derivados de las ejecuciones subsidiarias de su competencia»
Non nos enganemos:
1º) A “administración” é a empresa SEAGA que por Lei ten a exclusiva da execución subsidiaria dos convenios. É evidente a intencionalidade en confundir a SEAGA (mercantil) coa XUNTA DE GALICIA (Poder Público), cando é unha empresa que se apropia da madeira para obter lucro. Ollo, leamos ben o artigo: o diñeiro da venda sufragará os gastos derivados das execucións, pero a Lei non di que o diñeiro sobrante se teña que devolver aos propietarios polo que o sobrante queda a beneficio de SEAGA.
2º) Respecto ao comiso de bens aplícase no ámbito penal respecto a bens ilegais ou relacionados de actividades delituosas (Articulo 127 do Código penal). Comísanse drogas, armas e bens relacionados coa comisión de delitos penais. Ter piñeiros e eucaliptos na leira non é un delito penal e a execución subsidiaria é un procedemento administrativo que non contempla o comiso.
3º) A Lei 3/2007 está feita a medida dos intereses de SEAGA para darlle “apariencia de encaixe xurídico“ ao feito de que a empresa entre nas leiras das faixas de actuación e se apropie da madeira para vendela sen pagar, evitando declarar a utilidade pública ao que en substancia é unha expropiación forzosa en prol do interese económico de SEAGA.
Tamén atopamos, e non porque o Concello de Gondomar o facilite, a publicación, no DOG nº 110 de 9 de xuño de 2022, do “ANUNCIO do 1 de abril de 2022 de notificación da comunicación e do requirimento para lembrar o cumprimento da obriga da xestión da biomasa vexetal e da retirada de especies arbóreas” cos seguintes enlaces:
- https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220609/AnuncioL221-180522-0001_es.html
- https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220609/AnuncioG0482-260522-0002_es.html
Non se descartan máis notificacións pero na transparencia do Concello o asunto das talas de SEAGA tira a opaco.
A quen poida interesar deixamos para descarga a folla de cálculo (LibreOfficce) que agrupa as dúas taboas da notificación a titulares descoñecidos