A empresa SEAGA, vestida coa imaxe da Xunta DE GALICIA, entra en leiras privadas para levar a madeira sen pagar por EXECUCIÓN FORZOSA co procedemento de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA. Que é isto?
Superada a sorpresa inicial, calquera veciño sentirase atemorizado ao atopar na súa leira a un grupo homes que non coñece de nada, armados de motoserras e machadas cortando a madeira que estivo a coidar durante anos.
A primeira impresión será que lle están roubando uns delincuentes e pola pinta parecen perigosos co que extremará as precaucións ante o que poida pasar.
Cando descobre que un deses homes viste uniformado con distintivos da XUNTA DE GALICIA, ao temor súmaselle a curiosidade e quizá a indignación polos intrusos que entraron na súa propiedade e están a causar danos.
Ao achegase a informarlles que están nunha leira privada e pedirlles que a abandonen, se os intrusos responden requirindo a presenza policial, negándose a abandonar a leira co argumento de que son da XUNTA DE GALICIA e están a proceder en EXECUCIÓN FORZOSA a retirar a madeira por orde do CONCELLO, que ademais lle vai a impoñer unha multa e as costas da talla por incumprir a Lei de Prevención de Incendios de Galicia, as emocións do veciño burbullarán desde a estupefacción e o desconcerto ao medo e a frustración pola impotencia de non entender o que está a pasar, de percibir que están a violar os seus dereitos e de non saber que facer ante o numeroso grupo de homes e a Policía que podería poñerlle as esposas.
Humillado e angustiado o veciño abandonará a súa propiedade, chistando no convencemento de que lle están expropiando e non pode facer nada para evitalo. Canto maior sexa o descoñecemento do veciño, maior será a humillación e a angustia e o convencemento de que home que viste con roupa da Xunta DE GALICIA está a roubarlle en presenza da Policía.
Para alguén que viste cos logotipos da XUNTA DE GALICIA e dallas de AUTORIDADE acompañado da Policía, é moi fácil confundir ao veciño que non sabe que é unha EXECUCIÓN FORZOSA e facer crer que está a ser obxecto dunha EXPROPIACIÓN FORZOSA.
Pero o certo é que a EXECUCIÓN FORZOSA non é EXPROPIACIÓN FORZOSA nin substitúe a esta e o home que se viste cos logotipos da Xunta DE GALICIA non unha autoridade pública senón un simple traballador por conta da empresa SEAGA.
A EXPROPIACIÓN FORZOSA é un procedemento polo que a Administración Pública pode quitar ao cidadán o dereito á propiedade sobre un ben con motivo da utilidade pública ou interese social que ten ese ben. Está regulada pola Lei de Expropiación forzosa e leva pagarlle ao cidadán a perda do ben expropiado.
A EXECUCIÓN FORZOSA é unha facultade recoñecida á Administración Pública para, previo apercibimento, executar o resolto en procedemento administrativo que o obrigado non executa. Vén regulada pola Lei de Procedemento Administrativo Común e leva que o cidadán pague por non executar a obrigación apercibida.
Poñamos un exemplo: Unha casa privada que é necesario derrubar para construír unha estrada e o propietario non quere entregar, pola utilidade pública que ten a estrada procédese coa EXPROPIACIÓN FORZOSA indemnizando ao propietario pola perda do ben. Unha casa privada con risco de derrube que a Administración resolve debe derrubarse e o propietario non quere, a Administración poderá proceder coa EXECUCIÓN FORZOSA da derriba, xa sexa obrigando ao propietario ou facéndoo a propia Administración e en todo caso o propietario pagará as costas da derriba sen dereito a ser indemnizado.
Por tanto, aínda que EXECUCIÓN FORZOSA e EXPROPIACIÓN FORZOSA soen parecido son moi diferentes.
O que está a facer SEAGA en Gondomar é unha EXECUCIÓN FORZOSA para retirar a madeira de determinadas árbores que atopa nunha franxa de 50 metros ao redor de núcleo urbano. Cousa distinta é se o que fai é o adecuado e se o está facendo ben.
A EXECUCIÓN FORZOSA está regulada pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O artigo 99 desta Lei faculta á Administración para proceder coa EXECUCIÓN FORZOSA co requisito do apercibimento previo ao obrigado. No Artigo 100 establécense os medios de execución forzosa que son catro:
- A PREMA SOBRE O PATRIMONIO, é a capacidade que ten a Administración para facerse cos bens propiedade dunha persoa para liquidar unha débeda coa Administración
- A EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, consiste en que a Administración asuma a execución do que o obrigado non fai. Para iso pode contratar a un terceiro para que o faga.
- A MULTA COERCITIVA, consiste na imposición periódica ao obrigado dunha multa de contía crecente ata que cumpra coa súa obrigación.
- A COMPULSIÓN SOBRE AS PERSOAS, consiste en obrigar a unha persoa para facer o resolto e apóiase nas forzas e corpos de seguridade do Estado (p.e. desaloxar a alguén).
Para saber máis véxase este vídeo.
E neste outro vídeo explica o procedemento de EXECUCIÓN SUBSIDIARIA
O funcionamento cada medio EXECUCIÓN FORZOSA está regulado pola Lei de Procedemento Administrativo e non hai máis medios que estes. Se a Administración Publica vén con outros medios ou con cousa distinta non cabería entendelos como procedementos de EXECUCIÓN FORZOSA.
A obrigación que nos ocupa é a xestión de biomasa en faixas secundarias. A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no seu Artigo 21 define as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa establecendo, con carácter xeral, que é nunha franxa de 50 metros perimetral a chan urbano na que non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.
O Artigo 21 ter establece que os responsables de xestionar esta biomasa serán as persoas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento.
O Artigo Artigo 7.e) dispón que se os obrigados non cumpren é competencia do CONCELLO «Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade…». E no Artigo Artigo 7.d) puntualiza a competencia dicindo «… e de forma máis concreta a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23 da presente lei, contando para iso coa colaboración técnica e/o económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 da presente Lei, conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia». Por tanto, corresponde ao CONCELLO xestionar a biomasa que o obrigado non xestiona e en principio poderá utilizar a EXECUCIÓN SUBSIDIARIA como procedemento de EXECUCIÓN FORZOSA para facelo.
Sucede que a Xunta DE GALICIA é moi activa nas modificacións que fai do Artigo 22 para adaptar o Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas. Así na modificación que fai o 30.12.2022 con entrada en vigor o 01.01.2023 engade a MULTA COERCITIVA.
Polo tanto, se o obrigado non cumpre coa xestión da biomasa en faixas secundarias, é competencia do CONCELLO facelo e para iso poderá utilizar estes dous métodos de EXECUCIÓN FORZOSA
- A EXECUCIÓN SUBSIDIARIA que podería encargar a terceiros
- A MULTA COERCITIVA desde 01.01.2023.
Unha cuestión importante é a entrada nas leiras e a talla de árbores. O artigo 100.3 da Lei de procedemento administrativo establece que «Si fuese necesario entrar en el domicilio del afectado o en los restantes lugares que requieran la autorización de su titular, las Administraciones Públicas deberán obtener el consentimiento del mismo o, en su defecto, la oportuna autorización judicial». É dicir a Administración non podería entrar nas leiras sen autorización do propietario nin autorización xudicial.
Respecto a facelo ben:
- É un procedemento administrativo, co requisito previo de notificar. A notificación realizada en GONDOMAR é cando menos de efectividade dubidosa.
- Hai que notificar ao obrigado que segundo a Lei 3/2007 son “as persoas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento”. Más concretamente hai que notificar aos propietarios das árbores porque a norma di que “A retirada de especies arbóreas realizarase polas persoas propietarias das mesmas” e o propietario da leira pode non ter o usufruto da mesma.
- En EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, non se pode entrar en leiras privadas sen consentimento do titular.
- En EXECUCIÓN SUBSIDIARIA, non se pode entrar en leiras privadas sen autorización xudicial.
- Os gastos da EXECUCIÓN SUBSIDIARIA serán por conta do obrigado e poderá motivar a PREMA SOBRE O PATRIMONIO pero non a EXPROPIACIÓN e menos o COMISO dos bens. A PREMA SOBRE O PATRIMONIO poderá iniciar o PROCEDEMENTO DE EMBARGO e na execución do embargo é de aplicación o disposto no Artigo 584 de la Ley 1/2000, do 7 de xaneiro, de Enjuiciamiento Civil polo que non se embargarán bens cuxo valor exceda o importe para executar para liquidar a débeda.
- Está a usarse a EXECUCIÓN FORZOSA para encubrir o que en esencia é unha EXPROPIACIÓN FORZOSA en prol do lucro económico dunha mercantil.
- Unha plantación de piñeiros non é unha non é unha plantación de droga. O COMISO corresponde ao ámbito penal e non ao ámbito do procedemento administrativo común.
- Hai que axustarse ao principio de proporcionalidade. SEAGA está a apropiarse de madeira cuxo valor de mercado excede o custo que publican para a execución subsidiaria.
- SEAGA é unha mercantil con ánimo de lucro cos privilexios que lle outorga o recoñecemento de “medio propio personificado” na Lei de Contratos do Sector Público. Por que a Lei 3/2007 outórgase a SEAGA a exclusividade do negocio millonario que supón xestionar a madeira das faixas de actuación dos CONCELLO de GALICIA?, está a mercantil suxeita a control por parte da Intervención Xeral da XUNTA DE GALICIA?
- SEAGA podería estar a alterar o prezo de equilibrio de mercado da madeira que obtén sen pagar.